17.6.09

Obradoiros africanos 4. Bin-bins

No obradoiro de bin-bins aprendimos a facer colares e pulseiras con doas. É unha tarefa simple pero traballosa, pois houbo quen pasou tempos e tempos enfiando boliñas.
No Senegal é habitual ver mulleres e crianzas levar estes colgantes de adorno. Poden ser levados nas mans, nos pés ou na cintura. Tradicionalmente funcionaban como amuletos protectores: colocabanselle aos bebés para protexelos de perigos e doenzas, algo lóxico tendo en conta os elevados índices de mortalidade infantil.


8.6.09

Obradoiros africanos 3. Froitas tropicais.

A idea inicial era realizar un obradoiro de zumos e bebidas tropicais, pero a maioría das receitas que tiñamos requerían tempo para macerar algúns dos ingredientes. Así que optamos polo máis básico: tomar a froita ao natural. Trouxemos de todo, froitos secos e secados como anacardos, dátiles ou manises, e froita xugosa como goiabas, mangos, papaias, piñas...
Despois de preparala para o consumo, o alumnado podía optar por xogar a adiviñar, ás cegas, de ollos tapados, a que froita correspondía o sabor exótico que encotraba na boca.
Auténticos gourmets estamos a formar na Arousa!

6.6.09

Obradoiros africanos 2. O xogo do mapa.

Vai desde xa e nestes días unha selección de fotos para que vos fagades unha idea do que foron os obradoiros.
Comezamos co xogo do mapa. Fixemos un mapa político de África ben grande. Fixemos del cachiños, un por país. Cada un dos grupos-aula do instituto houbo de pasar polo centro do patio e organizarse para montar o puzzle. A única condición era que tiñan os pontos cardianis marcados e debían respectar esa orientación. Era cronometrado o tempo que tardaba cada grupo e foi elixido o gañador: 4º PDC que o deu montado en pouco máis de dous minutos.
Esta foi a actividade máis diferente de todas, polo seu carácter competitivo. Mais os grupos souberon con antelación en que consistía e poideron organizarse e estudar para levala a cabo. Boa parte do alumnado estudou por primeira vez os países de África e dunha outra maneira. Cremos que nas fotos se ve ben que resultou unha actividade divertida (xa pensamos en repetila cos outros continentes...):