Os resultados do inquérito, nom por agardados son menos sorprendentes. O primeiro que observamos é que o noso alumnado autoconcíbese como ignorante: afirma saber moi pouco de África. En case todas as cuestións propostas, a porcentaxe máis elevada é a resposta non sabe/ non contesta. E moitas veces é porque non relacionan coñecemento que nós sabemos que si posúen [só un 12% asociou as Pirámides de Exipto á arte africana, cando todos as coñecen]. En algúns casos o descoñecemento afirmado é absoluto: o 97% non é quen de citar unha persoa gobernante.
Por outra parte, a maioría asocia África á cor negra, tanto en xeral [unha cor: case o 60%] como na cor de pel [só un 2% indica que en África hai persoas brancas e negras]. Esta asociación lévaos a pensar en case todo momento na África subsahariana, e esquecer que o norte, o Magrebe, tamén é África.
Citan o deserto ao falar de paisaxes [40%] e cores [amarelo 23%] pero cando pensan en persoas é o negro o que lles sae. Até tal ponto levan a asociación que para eles todo o negro é africano, sendo o anuncio televisivo da bebida Malibú [enmarcado no Caribe] unha das respostas maioritarias [17%] e futbolistas brasileiros citados no item de deportistas.
Asocian tamén África con natureza salvaxe: a sabana [21%], os animais da selva [león 35%], o taparrabos como prenda de vestir [27%] son os seus referentes principais, o cal é normal se atendemos a que as películas máis citadas son O Rei León [24%] e Memorias de África [23%].
África é tamén asociada á miseria: na roupa, xunto cos taparrabos, aparecen a roupa vella/farrapos [19%], nos cheiros as respostas con connotacións negativas [a morto, a podre, a suxo] chegan ao 20%. Nos anuncios publicitarios, asocian con África os das campañas humanitarias das ong´s [14%]. Non son citados animais domésticos [3%] e nas paisaxes case non aparecen as humanizadas [3%]. Para o noso alumnado, África non é urbana.
E descobrimos tamén quen é o embaixador de África no mundo [no adolescente cando menos]: Eto'o, deportista que recibe un 60% de respostas, sendo tamén a súa selección futbolística a máis citada [34%].
A imaxe que teñen da África pode ser tópica, pode ser típica, pode ser incerta [ou non] mais é a imaxe que nós, as persoas adultas, lles transmitimos: a canción que máis asocian á África é a do Cola-cao [21%], que tamén aparece na comida [6%] e nos anuncios [11%]. E esa canción eles non a inventaron, alguén lla ensinou...
Nenhum comentário:
Postar um comentário