22.5.08

Mesa redonda sobre cooperación





Este martes, 20 de Maio, pasamos a tarde nunha actividades especial: contamos coa representación de tres ONGd's, que viñeron contarnos o seu traballo. A actividade tivo lugar no Salón de Plenos do Concello.
Quixemos contar coa representación de entidades que traballasen aquí, na Galiza, dando atención á poboación inmigrante; ao mesmo tempo queríamos escoitar a algunha entidade que levase proxectos de desenvolvemento no Senegal.

Berta Segovia contounos o labor que desenvolve CRUZ VERMELLA de Pontevedra desde o seu Programa de Inmigrates e Refuxiados.
Contounos que Cruz Vermella atende ás persoas inmigrantes, teñan papeis ou non, ofrecéndolles servizos de información e asesoramento integrais, é dicir, atendendo a todos os campos: legal, económico, social. Tamén nos contou que as persoas inmigrantes tamén piden axuda para volver ao seu país, ou para traer aquí ás súas familias. Berta destacou que a integración non debe ser das persoas inmigrantes na nosa sociedade, senón mutua entre o pobo de acollida e o grupo que chega. Vimos tamén un pequeno vídeo sobre a chegada de inmigrantes ás costas canarias.
Mónica Pereira falounos dos programas que Asemblea de Cooperación Pola Paz desenvolve en Senegal. A súa ONG traballa nunha rexión que acaba de pasar por unha guerra [Casamanza] e o que fan e colaborar con unha contraparte local para recuperar a zona e evitar que a mocidade teña que emigrar. O seu traballo ten carácter integral, atendendo aos campos da produción económica [apoio a cooperativas], educativo, sanitario e de desenvolvemento da sociedade civil [apoio a asociacións].
Finalmente, Abdoulaye Traore, senegalés, veunos contar do labor de dúas asociacións pontevedresas: a Asoc. Multicultural SINFRONTERAS e a Asociación Senegalesa de Pontevedra DIOCO. As dúas entidades prestan especial atención á necesidade de mellorar a autoestima das persoas inmigrantes. Abdoulaye achegounos a experiencia da inmigración pois puido contarnos de primeira man cales son as súas ansias e problemas. Explicou que un dos grandes obstáculos que teñen os seus compañeiros é o idioma, que lles dificulta a comunicación. Cre moi importante que nós coñezamos a cultura senegalesa. Pensa que as persoas inmigrantes son descoñecidas e precisan ser coñecidas. Ao final pediunos que reflexionásemos sobre as razóns que poden levar a alguén a arriscar a súa vida nunha viaxe de 800 kms. en inestábeis barcos de madeira.

Como actividade previa, repartimos a todo o alumnado e limos nas aulas este documento sobre a Cooperación para o Desenvolvemento.

Nenhum comentário: