28.3.08

birima


A multinacional Benetton, coñecida polas súas impactantes campañas publicitarias, acaba de aliarse con Youssou N'Dour, un dos máis famosos músicos africanos, para apoiar un proxecto de microcréditos que este cantante promociona.
A campaña titúlase áfrica works, coa intención de demostrar que África non quere vivir de limosnas, senón do seu traballo. Para iso, as persoas protagonistas dos novos anuncios de Benetton son as beneficiarias do proxecto da cooperativa de microcréditos Birima.
Supoñemos que haberá debate e controversia sobre a bondade ou maldade da campaña. Entretanto, o músico preparou esta nova versión de Birima, unha das súas cancións preferidas, para alegrarnos a vida un pouco:


27.3.08

kasumai materiais

Para non sobrecargar o blog con información pesada, optamos por crear esta páxina web na que iremos aloxando todos os materiais que o grupo de traballo elabore, e que sexan demasiado extensos para ocupar un post.
De entrada, xa está colocado un estracto do Proxecto que presentamos ao Premio Valora, e que é o que guía as actividades que levaremos a cabo nestes dous anos.
Nos próximos días tentaremos colocar outras cousas que xa fixemos, para compartilas con quen as precise.

25.3.08

os wolof 2

Durante este curso é o que ven, intercambiaremos traballos, actividades, información e cotilleos co alumnado de dous centros públicos senegaleses. Un deles encóntrase nun barrio de Dacar, Hann, e son os mozos e mozas das fotos do anterior post. Dinos o profe que son sobre 60 persoas por aula. Nada comparado ao de aquí.
Desde o barrio de Hann saía, antes de que fose reforzada a vixianza costeira, moitos dos caiucos que malchegaban a Canarias ou se perdían no fondo do océano.


Exibir mapa ampliado

O outro centro co que traballaremos está nunha cidade, perto de Dacar, de nome Rufisque.


Exibir mapa ampliado

OS WOLOF








OS NOSOS COMPAÑEIROS DO CEM HANN DE DAKAR

24.3.08

ébano

Para quen queira coñecer un pouco mellor a historia recente de áfrica, os diversos procesos de descolonización que protagonizaron os seus habitantes, comprender máis a senrazón das guerras que a masacraron, e achegarse un algo á maneira de vivir das persoas que a poboan, nada mellor que as crónicas de Ryszard Kapuscinski.
Kapuscinski foi un reporteiro da vella escola que morreu hai ben pouco. Alí onde había un conflito, onde estouraba unha guerra ou unha revolución, onde un imperio ou unha ditadura caían, alí estaba o xornalista para contarnos a historia desde a súa particular visión.
Ébano é unha selección de artigos e reportaxes realizadas na África ou sobre a África. Con estes textos, que comezan coa crónica da independencia de Ghana, primeiro país africano que a conseguiu, saberemos máis [ou un pouco para quen comece a sua andaina polo continente] dos seus líderes, como Lumumba, de grandes conflitos aínda latentes, como o de Ruanda, das páxinas máis vergonzantes da historia, como o proceso de xustificación do apartheid sudafricano, e pormenores da vida cotiá, que tamén son da historia: como coller un autobús e non morrer de impaciencia, que é pasar un ataque de malaria, por que en xeral as persoas senten desconfianza cara os brancos...
Kapuscinski logra coas súas crónicas que África estea un pouco máis perto.

Aquí podemos escoitar a voz de kapuscinski, en castelán, falando do seu traballo e dos seus libros:

14.3.08

as nanas do baobab


Desde hoxe podemos achegarnos a África a través dos seus cantos de berce. Canciones infantiles y nanas del baobab é un libro, acompañado dun CD, que recolle 30 cantos infantís da África negra. O libro ten autoría colectiva: Chantal Grosléziat para a recopilacións das cancións, Élodie Nouhen para as ilustracións, e Paul Mindy para a dirección musical.
A edición, en forma de álbum, está moi coidada, con debuxos coloristas que representan escenas cotiás da vida infantil.
en cada páxina encontramos unha das cancións do álbum, na língua orixinal [wolof, lingala, peul, bamena, soninké, etc.] e coa tradución ao castelán. Ademais, conta cun pequeno epílogo no que unha especialista, Chantal Grosléziat, fai unha breve explicación de cada letra/tema.

13.3.08

África, mi pequeño Chaka


Outra compra para a sección aficana da biblioteca é este álbum ilustrado: África, pequeño Chaka, obra de Marie Sellier e Marion Lesage.
Chaka é un neno curioso, que gosta de saber cousas do seu mundo. O libro ten unha estrutura sinxela: en cada páxina, Chaka pregunta ao seu avó por algunha historia do seu pobo, e o avó inicia um breve relato partindo do esquema que titula a obra: Meu pai, pequeno, Chaka... A chegada das chuvias, pequeno Chaka... en fin, África, pequeno Chaka.
Un elemento importantísimo no libro son as impresionantes ilustracións de Marion Lesage, case sempre en cores ocres, acompañadas de fotografías de obras de arte africanas (instrumentos, esculturas, máscaras...) conservadas no museu do Quai Branly, de París.

6.3.08

O xiro postal


Unha das accións prevista dentro do noso Proxecto Valora é dotar á Biblioteca Escolar dunha sección temática sobre a África. Estamos a facer as primeiras compras, que vos iremos presentando neste espazo pouco a pouco.
Por agora as publicacións adquiridas están na sá de profesorado a previa disposición das docentes do centro, por ver se estes materiais nos inspiran actividades para as aulas. Despois pasarán a disposición de toda a comunidade educativa do IES.
Hoxe convidamosvos a coñecer O Xiro Postal, unha moi breve noveliña do senegalés Ousmane Sembène. Conta as desventuras, voltas e reviravoltas que pasa o protagonista, un home procedente dun barrio humilde de Dakar, para cobrar xiro postal que un sobriño lle envía de París. Unha reflexión sobre as dificultades das persoas pobres e analfabetas para poder facer as cousas máis simples da vida cotiá.
Ousmane Sembène, o autor, é protagonista dunha vida que nos podería servir de exemplo a moitas persoas. A noveliña conta cun epílogo de Martin Pawley no que nos achega á súa figura. Aí sabemos que ademais de escritor, foi cineasta, autor de fermosas películas como Moolaade, que a ver se poidéramos conseguir para a biblio. Entretanto, aquí vos vai unha mostra: