17.6.09

Obradoiros africanos 4. Bin-bins

No obradoiro de bin-bins aprendimos a facer colares e pulseiras con doas. É unha tarefa simple pero traballosa, pois houbo quen pasou tempos e tempos enfiando boliñas.
No Senegal é habitual ver mulleres e crianzas levar estes colgantes de adorno. Poden ser levados nas mans, nos pés ou na cintura. Tradicionalmente funcionaban como amuletos protectores: colocabanselle aos bebés para protexelos de perigos e doenzas, algo lóxico tendo en conta os elevados índices de mortalidade infantil.


8.6.09

Obradoiros africanos 3. Froitas tropicais.

A idea inicial era realizar un obradoiro de zumos e bebidas tropicais, pero a maioría das receitas que tiñamos requerían tempo para macerar algúns dos ingredientes. Así que optamos polo máis básico: tomar a froita ao natural. Trouxemos de todo, froitos secos e secados como anacardos, dátiles ou manises, e froita xugosa como goiabas, mangos, papaias, piñas...
Despois de preparala para o consumo, o alumnado podía optar por xogar a adiviñar, ás cegas, de ollos tapados, a que froita correspondía o sabor exótico que encotraba na boca.
Auténticos gourmets estamos a formar na Arousa!

6.6.09

Obradoiros africanos 2. O xogo do mapa.

Vai desde xa e nestes días unha selección de fotos para que vos fagades unha idea do que foron os obradoiros.
Comezamos co xogo do mapa. Fixemos un mapa político de África ben grande. Fixemos del cachiños, un por país. Cada un dos grupos-aula do instituto houbo de pasar polo centro do patio e organizarse para montar o puzzle. A única condición era que tiñan os pontos cardianis marcados e debían respectar esa orientación. Era cronometrado o tempo que tardaba cada grupo e foi elixido o gañador: 4º PDC que o deu montado en pouco máis de dous minutos.
Esta foi a actividade máis diferente de todas, polo seu carácter competitivo. Mais os grupos souberon con antelación en que consistía e poideron organizarse e estudar para levala a cabo. Boa parte do alumnado estudou por primeira vez os países de África e dunha outra maneira. Cremos que nas fotos se ve ben que resultou unha actividade divertida (xa pensamos en repetila cos outros continentes...):


28.5.09

Obradoiros africanos

  • un obradoiro de bin-bins (em wolof) ou cri-cris (em diola), onde as persoas participantes aprendíam a realizar pulseiras e colgantes de abalarorios que en moitas rexións africanas, a parte do valor ornamental, teñen un simbolismo relixioso ou espiritual.
  • un obradoiro de trenzas, onde aprendimos a pentearnos ao estilo máis rasta.
  • Un obradoiro de máscaras, onde imitamos as pinturas das tribos do val de Omo, en Etiopía, e fixemos fotos para unha montaxe que poderedes ver proximamente.
  • Un obradoiro de froitas tropicais onde nos achegamos a sabores diferentes,
  • Un obradoiro de alfabetos africanos, onde aprendimos a escribir os nosos nomes segundo abecedarios ou silabarios doutras linguas.
  • Un obradoiro de pintado de camisolas onde puxemos en práctica a arte exipcia, que moitas esquecen que tamén é África.
  • Un obradoiro de tatuaxes con henna, no que poidemos gravar nos nosos pulsos os nosos nomes ou os desa persoa secreta con alfabeto estraño.
  • Un obradoiro de mancala, onde aprendimos as regras dese xogo de mesa.
  • E na parte competitiva, un concurso por aulas: quen era o grupo que montaba antes o mapa xigante de África elaborado com goma-esmuma. Por certo, gañou 4ºPDC.
Partindo dunha primeira quenda de participacións obrigatoria, durante duas horas e media fomos pasando polos obradoiros en función de gustos e espazo. A experiencia (para o profesorado novidosa: nunca tentáramos organizar algo así) foi moi positiva e divertida para todos. Quedamos con ganas de repetir.
Ademais, veu a tele!

25.5.09

Día de Àfrica


Hoxe foi o Día de África. e din n'A Nosa Terra que segue a encabezar todas as estadísticas negativas. Mais aínda hai xente que se esforza por amosarnos outra cara do continente.

23.3.09

o mundo ao revés...

será tan difícil?



vía trafegando ronseis.

22.3.09

África en fotos

A través do xornal vieiros chegamos á web de A24 Media Productions, onde podemos, ademais de coñecer toda a actualidade sobre o continente africano un completo e fermoso fondo fotográfico.

21.3.09

Rebaixas en dereitos humanos


Hoxe é o Día internacional contra o Racismo e a Xenofobia. As crises sempre as pagan as persoas con menos recursos. E aquí esas persoas son as inmigrantes. As ONG españolas están a denunciar a intención dos gobernos eurpeos de reducirlles dereitos ás persoas inmigrantes aproveitando a situación económica actual, como se elas fosen as responsábeis do que está a acontecer no mundo financieiro... ONG's como Sos Racismo teñen denunciado en semanas pasadas a detención indiscriminada de inmigrantes nas rúas de Madrid. Amnistía Internacional xa puxo en marcha a súa campaña de denuncia: Convídanos a escribirlle ao Presidente Rodríguez Zapatero... Está na nosa man.

8.3.09

Auga a vida ou morte


No Día da Muller Traballadora, unha ollada ás duras tarefas das que a modernidade nos ten librado. A auga que a nós nos chega pola billa, noutros lugares do mundo é carretada diariamente por mulleres e, sobre todo, nenas. Reportaxe da revista dominical magazine.

6.3.09

Vidas destrozadas


Este é o nome dunha impactante campaña da ONG Médicos Sen Fronteiras [MSF], coa que pretende chamar a atención sobre o uso da violencia sexual como arma nas zonas en conflito bélico e, especialmente, sobre a necesidade de dar atención ás vítimas. Entra neste enderezo e comproba se es quen de arranxar unha vida destrozada en 72 segundos...

4.3.09

arte africana


No blog Trafegando Ronseis podedes ver unha presentación que combina música de John Wakelin e pintura africana de autoría variada.

5.2.09

TEATRO: a illa

A finais do curso pasado, dentro do grupo Valora, xurdiu a idea de formar un grupo de teatro no IES. Como moitos sabedes, andabamos a traballar niso, pois desde o pasado mes de Novembro, un grupo mesturado de profes e alumnos estivemos a asistir a un obradoiro de teatro os martes pola tarde.
Pois ben, o obradoiro xa rematou, polo que a andaina que temos agora por diante é montar a nosa obra teatral. Aínda admitimos xente no grupo: profes, alumnado, papás e mamás. Nunca está de máis ter artistas arredor!!
A obra que queremos montar tratará da emigración, da comunicación, do trato às persoas diferentes. O argumento-base o sacarémolo do libro La Isla, de Armin Greder, un álbum ilustrado que nos impresionou áquelas persoas que o lemos.
O próximo martes, faremos unha lectura colectiva do conto, para irmos collendo ideas e propostas de representación, polo que é un bo momento para incorporarvos ao traballo do grupo.
En todo o caso, para que teña interese, estes son, por agora, os horarios elexidos:

DIA: todos os martes
HORA: de 18.15 a 19.15
LUGAR: Aula de Desdobre do IES Illa de Arousa.

22.1.09

o teste da boneca

Unha arrepiante proba de que a inferioridade é aprendida e interiorizada desde idades moi temperás. Este é un fragmento, con subtítulos en portugués, dun documental "A conversation about race", do director Craig Bodeker. Suficiente para estarrecer:

21.1.09

corazóns africanos


Deixounos un comentario unha amiga nunha nova anterior. É nai adoptante dunha crianza de Costa do Marfil e deixounos o enderezo do seu blog persoal: corazones africanos. Nel podemos encontrar grande cantidade de información en ligazóns a outros lugares onde outras persoas reflexionan, aprenden e soñan África. Ben merece unha visita.
Un saúdo, Fátima.

milonga del moro judío

Aquí un tema de Jorge Drexler, fillo dun xudeu fuxido da Alemania nazi, que dá a súa opinión sobre o conflicto palestino. A letra é del, baseándose nun poema de Chicho Fernández Ferlosio. Se queredes saber máis sobre o que está a acontecer no Oriente Próximo, e ter acceso a outros materiais podedes visitar a páxina de trafegando ronseis, onde hai ligazóns a outros moitos portos.

arousa-dakar



Para quen pense que non temos nada que ver cos africanos, a proba irrefutábel de que hai unha historia de contactos anterior ao nacemento deste blog: através dos nosos amigos de na illa, chegamos aos fondos fotográficos do Museo do Mar de Galiza, onde encontramos esta instantánea na que Américo Ferro, viciño da Arousa, posa para a cámara con dous viciños de Dakar.

promises


No centro andamos nun proceso de inmersión total nas novas tecnoloxías. Temos novos blogues, algúns xestionados por profesorado, outros coa axuda do alumnado. Nun deles, no xeral, colocamos fragmentos da película que imos ver a semana que ven, porque eis o ven o Día Escolar pola Paz, e pensamos en adicarlle algo do noso tempo de aulas a Palestina.
A película chámase Promises [promesas, titulada en España como "El conflicto visto por ellos"] e nela crianzas palestinas e israelís contan a súa visión do conflicto.
O filme segue a xornada do cineasta americano-israelí B.Z. Goldberg nun encontro con 7 crianzas palestinas e israelís de idades entre 9 e 13 anos, observando o conflito do centro-oeste através de seus ollares. O documental dá voz a estes nenos, que, apesar de viveren a apenas 10 minutos de distancia, habitan mundos completamente diverxentes.

Ademais da película, podedes ver outro documental, Check-point, onde temos coñecemento da humillación diaria que viven as persoas palestinas para cruzar as fronteiras de Gaza e Cisxordania.

O odio ha de ser sementado, regado, podado, estercado para que creza forte. Só así pode acabar en guerra.

14.1.09

a viaxe de Said

Recoméndanos Fe esta curtametraxe de animación, de Coke Rioboó. que ten por protagonista a Said, un neno que vive no deserto, á beira do mar, e que soña con viaxar ao paraíso: España. Levou o Premio Goya 2007 á mellor curtametraxe de animación.
Vendo a curta, podemos escoitar e ver [ler] a lingua árabe.

conta comigo

Para comezar ben o ano, unha canción. En tempos de guerra, a música é unha ponte que une persoas distintas en mundos diversos: