22.1.09

o teste da boneca

Unha arrepiante proba de que a inferioridade é aprendida e interiorizada desde idades moi temperás. Este é un fragmento, con subtítulos en portugués, dun documental "A conversation about race", do director Craig Bodeker. Suficiente para estarrecer:

21.1.09

corazóns africanos


Deixounos un comentario unha amiga nunha nova anterior. É nai adoptante dunha crianza de Costa do Marfil e deixounos o enderezo do seu blog persoal: corazones africanos. Nel podemos encontrar grande cantidade de información en ligazóns a outros lugares onde outras persoas reflexionan, aprenden e soñan África. Ben merece unha visita.
Un saúdo, Fátima.

milonga del moro judío

Aquí un tema de Jorge Drexler, fillo dun xudeu fuxido da Alemania nazi, que dá a súa opinión sobre o conflicto palestino. A letra é del, baseándose nun poema de Chicho Fernández Ferlosio. Se queredes saber máis sobre o que está a acontecer no Oriente Próximo, e ter acceso a outros materiais podedes visitar a páxina de trafegando ronseis, onde hai ligazóns a outros moitos portos.

arousa-dakar



Para quen pense que non temos nada que ver cos africanos, a proba irrefutábel de que hai unha historia de contactos anterior ao nacemento deste blog: através dos nosos amigos de na illa, chegamos aos fondos fotográficos do Museo do Mar de Galiza, onde encontramos esta instantánea na que Américo Ferro, viciño da Arousa, posa para a cámara con dous viciños de Dakar.

promises


No centro andamos nun proceso de inmersión total nas novas tecnoloxías. Temos novos blogues, algúns xestionados por profesorado, outros coa axuda do alumnado. Nun deles, no xeral, colocamos fragmentos da película que imos ver a semana que ven, porque eis o ven o Día Escolar pola Paz, e pensamos en adicarlle algo do noso tempo de aulas a Palestina.
A película chámase Promises [promesas, titulada en España como "El conflicto visto por ellos"] e nela crianzas palestinas e israelís contan a súa visión do conflicto.
O filme segue a xornada do cineasta americano-israelí B.Z. Goldberg nun encontro con 7 crianzas palestinas e israelís de idades entre 9 e 13 anos, observando o conflito do centro-oeste através de seus ollares. O documental dá voz a estes nenos, que, apesar de viveren a apenas 10 minutos de distancia, habitan mundos completamente diverxentes.

Ademais da película, podedes ver outro documental, Check-point, onde temos coñecemento da humillación diaria que viven as persoas palestinas para cruzar as fronteiras de Gaza e Cisxordania.

O odio ha de ser sementado, regado, podado, estercado para que creza forte. Só así pode acabar en guerra.

14.1.09

a viaxe de Said

Recoméndanos Fe esta curtametraxe de animación, de Coke Rioboó. que ten por protagonista a Said, un neno que vive no deserto, á beira do mar, e que soña con viaxar ao paraíso: España. Levou o Premio Goya 2007 á mellor curtametraxe de animación.
Vendo a curta, podemos escoitar e ver [ler] a lingua árabe.

conta comigo

Para comezar ben o ano, unha canción. En tempos de guerra, a música é unha ponte que une persoas distintas en mundos diversos: